
A Real Academia Galega celebrará este vernes, 4 de abril, no pazo de María Pita o pleno extraordinario de elección da nova presidencia onde a de Henrique Monteagudo será a única candidatura presentada.
Monteagudo converterase no quinto presidente da Academia das letras galegas neste século XXI tras Xosé Ramón Barreiro Fernández, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xesús Alonso Montero e Víctor F. Freixanes, quen deixou o seu cargo no mes de marzo.
Péchase así o período electoral comandado pola secretaria da RAG, Margarita Ledo, quen ocupou interinamente a presidencia. Polos estatutos da RAG, había tres meses para escoller un nome para coller o relevo de Freixanes, tempo que se pechará en menos de tres semanas.
Biografía
Henrique Monteagudo (Muros, 1959) é catedrático de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago de Compostela e conta cun amplo currículo académico internacional, en universidades europeas e americanas. Monteagudo é membro de número da RAG dende o ano 2012, é o coordinador do Seminario de Sociolingüística da institución, exerceu como secretario entre 2013 e 2021 e asumiu a vicesecretaría dende marzo dese ano ata a actualidade.
Doutor pola USC coa tese Ideas e debates sobre a lingua (1916-1936). Afonso D. R. Castelao e a tradición galeguista –distinguida co premio extraordinario de doutoramento–, a sociolingüística e os estudos sobre a normalización da lingua galega teñen ocupado unha parte central do seu labor dende comezos dos anos 80. Entre outros títulos, destacan Historia social da lingua galega (1999), recoñecido co Premio Losada Diéguez de Investigación, O idioma galego baixo o franquismo: da resistencia á normalización (2021) ou o seu discurso de ingreso na RAG, Facer país co idioma: sentido da normalización lingüística.
Como sociolingüista dirixiu ademais diversas contribucións sobre a evolución do galego dende as últimas décadas do século XX ata a actualidade, parte delas no seo do Seminario de Sociolingüística da RAG. A achega máis recente neste campo é o Informe sobre a situación da lingua galega segundo os datos do Instituto Galego de Estatística de 2023, aprobado no pleno da Academia en decembro de 2024.
Enlace de origen : Henrique Monteagudo, único candidato a presidir a Real Academia Galega