O Curro do Pedroso regresa a Cañiza o vindeiro 4 de agosto

O alcalde da Cañiza, Luis Piña, e os organizadores montaron a cabalo o pasado sábado para presentar esta festa popular galega.

O acto contou coa participación de “Bruxo Queiman” como mestre de cerimonias, e comezou na centenaria Carballeira do Cacharado, co recibimento do Alcalde a toda a comitiva de cabaleiros e asistentes participantes a cabalo, e que continuou coa entrega simbólica das bandeiras de Galicia e da Cañiza por parte de Luis Piña ao Presidente da Asociación Cabalar, Pablo Álvarez e a Mónica Rodríguez, responsable nesta edición do Curro de protexer a tradición da Rapa das Bestas.

Nesta xornada inaugural tamén se fixo entrega do «Ferro», útil vencellado ao Curro dende as súas orixes e que representa a identidade dos animais e a propiedade dos mesmos. A encomenda partiu de Castor Rodríguez Pérez, primeiro organizador deste curro, a Gabriel Parente por ser o membro máis novo da Asociación Cabalar, que aceptou a encarga de manter viva esta tradición durante a edición do 2024.No acto tamén estivo presente un representante do curro de Sabucedo.

Coincidindo a fin de semana coa celebración da Festa na honra do Santísimo Cristo da Agonía da Cañiza, o Presidente da Asociación Cabalar e o Alcalde fixeron unha ofrenda floral no Cruceiro do Cacharado.

O acto inaugural rematou nos Montes do Pedroso co izado das bandeiras e unha comida campestre.

O curro do Pedroso é un evento no que cañicenses e visitantes poderán gozar da baixada dos animais dende as montañas ata o curro para o seu saneamento e colocación de microchips. Unha xornada enxebre na que non faltará a boa gastronomía, música tradicional e moitas sorpresas; un inesquecible día de romaría e festa e un espectáculo de colorido e bravura propio da nosa rexión.

O Alcalde Luis Piña felicitou a toda a directiva e a todos os veciños e veciñas e colaboradores que xuntos volverán a recuperar esta festa tradicional que se concebiu no ano 1994 para sanear e identificar aos animais “nunha xornada no que se funde o enxebrismo do mundo animal e a natureza, converténdose nun día de Romaría para todos”.

Con estas palabras, organizadores e Alcalde presentaron o curro do Pedroso que se celebrará, mantendo a tradición, o 1º domingo de agosto, neste caso o día 4, nunha intensa xornada que comezará ás 7 da mañá coa subida ao Curro, coordinación dos equipos e saída á busca dos rabaños, para dar comezo a unha festa que se prolongará ata a noite.

Ao curro do Pedroso accédese por un ramal da estrada N-120 de Vigo a Logroño, próximo aos edificios Rebeca, e aínda que parte dos accesos son de terra atópanse en boas condicións.

Enlace de origen : O Curro do Pedroso regresa a Cañiza o vindeiro 4 de agosto

OBTENGA UNA MUESTRA GRATUITA

La contactaremos lo más rápido posible.