O Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy volve convocar unha nova edición do seu particular Concurso Fotográfico. O certame ademais de ter por obxecto incentivar a actividade fotográfica, busca conseguir as mellores instantáneas e potenciar así a súa difusión e coñecemento.
Establécense dúas categorías, xuvenís para aquelas persoas ata 17 anos inclusive e adultos, para maiores desa idade. Cada participante poderá presentar un máximo de catro fotografías que deberán enviarse, obrigatoriamente, en dous formatos: dixital e impreso, con prazo ata o 2 de novembro.
As fotografías en formato dixital poderán enviarse en calquera soporte de almacenamento dixital ou por correo electrónico ao enderezo [email protected]. As fotografías impresas non poderán exceder do tamaño estándar 20×30 centímetros en papel fotográfico, sobre soporte ríxido cartón pluma, paspartú ou cartolina. Os sobres coas fotos poderanse entregar tanto persoalmente, como enviar por correo ordinario ao enderezo do Círculo Cultural D. de Cesantes: Estrada Cesantes, 28 CP 36693 Cesantes, Redondela.
O prazo de presentación das fotografías remata o xoves día 2 de novembro do 2023.
Seis galardóns
Os premios serán fallados polo xurado, que realizará unha selección previa das fotografías e sobre estas outorgará os galardóns existentes. Entregaranse un total de seis premios por valor de 775 euros repartidos en: Premio á Mellor Fotografía, 250 euros; na categoría adultos: primeiro, segundo e terceiro premios valorados en 150, 125 e 100 euros, respectivamente; e na xuvenís: primeiro e segundo premio, de 100 e 50 euros, respectivamente.
Enlace de origen : O obradoiro de estudos Fernando Monroy lanza un concurso de fotos