A finais de xullo presentábase ante o mundo un novo fotógrafo documental do agro galego: o médico santiagués Antón Beiras. Una serie de 36 fotos, descoñecida para o público pero que a súa familia gardara dende a súa morte en 1968, revelaban unha faceta inédita do recoñecido galeno, marido da pedagoga Antía Cal.
Esta aparición tomou corpo nunha mostra organizada polo Legado Activo Beiras Cal e que abriu no lugar das Aguias, no concello lucense de Muras, onde Antón Beiras retratara unha malla. No cartel que promociona a exposición, aínda aberta, unha rapaza carrexa o gran. Agora, os organizadores piden axudar para averiguar a identidade desa moza, que na actualidade tería uns 85 anos, segundo os seus cálculos.
As serie ‘A malla de Pascual. 1957′ está composta por 36 fotografías que están exhibíndose no lugar das Aguias, “nunha exposición disruptiva” feita nunha vella caseta de correos abandonada.
De acordo cos organizadores, dende o principio puxeron o maior interese en ir dándolle nome a todos os protagonistas das fotografías. Conseguiron facelo con varios supervivintes que visitaron a exposición e con descendentes de outros.
En palabras dos promotores da exposición: “O empeño por localizalos a todos vén dado porque Antón Beiras situounos como protagonistas dunha tarefa colectiva que el quixo retratar, dando a verdadeira dimensión do valor do traballo realizado. Se para el non foron tratados como figurantes, senón como actores principais diante da cámara, merecen o esforzo de que agora saibamos nós poñerlle nomes e saber algo da súa historia”.
Sempre pensaron que coas visitas á exposición se iría esclarecendo o misterio sobre esta moza. Así foi con outros dos retratados, pero infelizmente non conseguiron localizar á protagonista do seu cartel. Por iso lanzan un chamamento a través das redes sociais. por se alguén puidese aportar algunha pista.
Enlace de origen : SOS para desvelar a identidade dunha rapaza retratada nunha malla de 1957